Congreso Internacional "A época do espazo. Estado e novas perspectivas"

Santiago de Compostela, 8 e 9 de abril de 2019

Ao longo da segunda metade do século XX produciuse unha reorientación do ollar humano e do interese científico, que pasou a observar e observarse máis no espazo do que no tempo. Esta mudanza, nomeada como «Spatial Turn» (Soja, 1989), deu lugar á aparición de novos enfoques e perspectivas de estudo, que pretendían achegarse á «espacialidade» (Tally, 2013) dos seres e dos resultados da interacción coa entorna.

Denantes da conciencia da nova época, «l’époque de l’espace», tal e como sinalaría Foucault en 1967, xa fora publicado en Francia un dos textos máis senlleiros neste eido: La Poétique de l'espace (1958) de Gaston Bachelard, na que se explora a experiencia humana fronte a arquitectura a través do que o autor define como «topoanálise»: un xeito de explorar os lugares vitais a través da psicoloxía.

Nos últimos anos, medrou enormemente o interese por estudar as diversas creacións artísticas, especialmente literarias, poñendo o foco na simboloxía ou relevancia dos lugares. Do mesmo xeito, certas trazas ou conexións xeográficas convertéronse nos puntos de interese principais nalgunhas abordaxes comparatistas. Por outra banda, tamén se ten abordado a relación entre humanos e natureza a través das creacións culturais dos primeiros ou as súas modificacións na segunda, partindo da ecoloxía ou de presupostos marxistas sobre o territorio e as relacións entre natureza e cultura.

Nestas análises, nas que a literatura europea moderna e contemporánea ten gozado de popularidade, outras disciplinas ou épocas semellan non ter acadado o mesmo nivel de apego. Así, eidos como os estudos medievais ou os clásicos, a historia ou a historia da arte, entre outros, parecen terse visto menos influenciados pola xeocrítica ou a ecocrítica, malia que estas conseguiron facerse un oco nos estudos literarios.

O crecemento de disciplinas como as mencionadas pode percibirse polo seu contacto con outras como as humanidades dixitais, tamén de recente aparición. A simbiose entre estas ten dado lugar ás humanidades espaciais ou ao deep mapping, entre outras. Mais, alén de novas metodoloxías ou procedementos, a internet e o desenvolvemento da informática tamén teñen xerado novos hábitats, que levan a reformular o niño bachelardiano e o xeito de construír identidades no espazo.

Co gallo dos 30, 40, 50 e 60 aniversarios das publicacións de Soja, Rueckert, Foucault e Bachelard, respectivamente, consideramos que estamos no momento oportuno para reflexionar sobre o noso quefacer actual na época do espazo. Como teñen evolucionado as teorías nestes anos, que ten mudado na nosa concepción do termo ou como vivimos e nos relacionamos co territorio son algúns dos intereses polos que achamos que é preciso repensar o xiro especial, así como facelo dende unha óptica irremediablemente marcada polo o lugar dende o que facemos a chamada: Galiza.

Organización

Organización

Manuel Magán Abollo (USC) - Secretaría
Belén Quinteiro Pulleiro (UB)
César Pablo Domínguez Prieto (USC)
Cristina Rueda Lesmes (USC)
Guillermo Rodríguez Alonso (USC)
Manuela Palacios González (USC)
María Xesús Nogueira Pereira (USC)

 

Consello científico

Alessandro Scafi (The Warburg Institute)
Ana Paula Coutinho (UP)
Antonino Firenze (UPF)
Arantxa Fuentes Ríos (USC)
Fernando Cabo Aseguinolaza (USC)
Gonçalo Vilas-Boas (UP)
Joan Nogué (UdG)
Juan Manuel Monterroso Montero (USC)
Laura María Lojo Rodríguez (USC)
María Victoria Chico Picaza (UCM)
Mitzi E. Martínez Guerrero (USC)
Susana Araújo (ULisboa)